Un documental explora o panorama literario galego na emigración

Buenos Aires, a capital do libro galego no exilio pode verse íntegro na rede

O director Xan Leira presentaba este un de decembro a súa última produción audiovisual, o documental Buenos Aires, a capital do libro galego no exilio. O proxecto, que contou co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, reivindica a importancia da capital Arxentina para a produción editorial na nosa lingua no século XX. Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luis Axeitos ou os xa desaparecidos Xosé Neira Vilas, Maruxa Seoane, Isaac Díaz Pardo, Francisco Fernández del Riego, Arturo Cuadrado ou Mariví Villaverde pasan pola pantalla da produción a falar sobre este tema.

"A cidade de Buenos Aires foi, durante as seis primeiras décadas do século vinte, un centro de produción artística e intelectual galega plasmada na edición de boletíns asociativos, revistas e libros a través das entidades emigradas, exiliados e mecenas", explica a presentación da produción.

O documental, que se pode ver íntegro na rede, amosa o xeito en que o exilio galego achegou unha nova vaga intelectual e editorial. "Daniel Castelao e Rafael Dieste en Editorial Atlántida; Mariano Medina del Río e Álvaro de las Casas son os directores de Emecé, onde Luis Seoane, Arturo Cuadrado dirixirán as coleccións Dorna e Hórreo. Logo, en 1942 Seoane e Cuadrado fundan a Editorial Nova onde Lorenzo Varela e Manuel Colmeiro son os seus estreitos colaboradores", sinala o texto promocional.